Noticias 

© APACAF | 12/05/2023 | Andaina-23-1

Andaina solidaria en favor de APACAF

09/10/2023

A Asociación de Veciños O Rueiro de Couso, A Estrada, organizou o 7 de maio de 2023 unha andaina solidaria en favor de APACAF. Case duascentas persoas participaron nesta actividade solidaria que tivo unha recadación de 1.700€.

Persoas usuarias e traballadores de APACAF participaron tamén na andaina, compartindo con todos os participantes unha xornada festiva, alegre e en comunidade. A andaina, de 12 quilómetros de distancia, percorría diversos lugares de interese da parroquia estradense de Couso a carón dos ríos Ulla e Vea: igrexa de Couso, a Ponte Colgante, a Ladeira do Castro de Couso, a Praíña e Ponte Medieval, a desembocadura do río Vea e a ruta dos Muíños de Couso.

APACAF destinará a doazón a mellorar a calidade de vida das persoas usuarias dos seus servizos. Un dos destinos será a creación dunha aula na natureza no centro A Braña. Aproveitando o entorno natural do centro, habilitarase un espazo ao aire libre para utilizar como aula de estimulación na natureza e onde traballar as “historias sociais”, unha metodoloxía de intervención na que se axuda ás persoas con autismo a entender o mundo que os rodea a través de pequenos contos sinxelos con ilustracións e enunciados cortos que explican conceptos que son difíciles de entender ou que resultan demasiado abstractos......... e unha das primeiras “historias sociais” que lles podemos contar será recordar o día da andaina solidaria de Couso, cando fixemos moitos novos amigos compartindo camiño, comida e alegría.

Arquivada en:
Infórmate > Novas